O venres 7 de outubro, celebrarase, ás 17:30 h, a inauguración da exposición “María do Carme Kruckenberg. Vivir, unha aventura irrepetíbel”, que, co apoio da Deputación de Pontevedra, realizou a Fundación Penzol. Estará instalada ata o 10 de novembro na sala Rosalía de Castro da sede da institución provincial en Vigo.
Comisariada pola súa biógrafa, Mercedes Queixas, contou coa colaboración de dúas persoas do Padroado da Fundación Penzol (Malós Cabrera e o seu director, Xosé M. Soutullo), así como co persoal técnico da Casa Galega da Cultura, sede da Fundación, onde está depositada a doazón dun importante fondo documental da escritora, que, cumprindo o seu desexo, en 2015 realizou a súa herdeira, Cristina Pusone Kruckenberg. A produción e o deseño estiveron a cargo de Merlín Comunicación, do grupo Galaxia.
No acto intevirán Mercedes Queixas, Cristina Pusone, Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
A exposición permanecerá nese espazo ata o 10 de novembro.
Máis detalles en:
https://www.depo.gal/-/maria-do-carme-kruckenberg?
A biografía íntima e literaria de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (1926-2015) está fortemente vencellada a Vigo, cidade desde onde contemplou de nena as oportunidades dunha infancia feliz canda aqueloutra inxustiza social ao redor das greas migratorias cara aqueles lugares descoñecidos, malia ter nome propio, o que a concienciou intensamente para ser pór do lado dos que sofren miserias e desigualdades.