“Amiga lúa, amigo mar”, o novo poemario de Claudia Castro

Categoría: Nova

Ilustrado pola artista Luz Beloso, chega Amiga lúa, amigo mar, o novo poemario de Claudia Castro.
Celebrando o Día das e dos Docentes, dende a Editorial Galaxia queremos recomendar a lectura desta fabulosa obra, na que os poemas, tecidos a partir doutros versos, fan vogar ás lectoras e lectores, por augas salgadas ao abeiro do luar.
Publicada na colección Árbore de Galaxia, esta lectura está recomendada a partir dos 10 anos. Estes versos, escritos entre a vila de Corme e o lugar de Penelas (Teo), son fillos do mar e da lúa da aldea da autora. Oníricos e comprometidos, os poemas que forman esta travesía invitan a pensar e deixarse levar polo talento da autora que, asegura no limiar do libro: coido que calquera motivo, circunstancia, territorio ou persoa pode ser alicerce dun poema, unha narración ou unha obra de arte.
Poemas como Estrelas de Kabul poñen de manifesto esta premisa:
Cun chisqueiro acendín unha estrela
para cadansúa nena de Kabul.
Para as cativas que naceron orfas, 
para as rapazas que non van á escola,
para as mulleres que non saen soas,
para os países cunha guerra diante,
pintemos un mural xigante.

Valados con versos,
xanelas con mar,
portas sen chave,
corazóns de mazá
paxaros sen gaiola
e libros con ás.

Esperanza, toda.
Non vos quededes sen o voso exemplar!
Claudia Castro. Naceu no barrio compostelán do Castiñeiriño o 30 de decembro de 1972. Dende nena adoraba ler, en diferentes linguas, escribir versos e facer preguntas. Supón que por este motivo estudou Xornalismo e Filoloxía Inglesa na USC e leva traballando no eido da comunicación dende 1995. Na actualidade vive coa súa familia (Toño, Darío e Xulia) e o seu gato Pepe en Penelas, unha fermosa aldea do concello de Teo con vistas ao Pico Sacro. Boa parte do seu tempo transcorre en Corme, na costa da Morte, territorio de fonda pegada nos meus poemas dos últimos anos. Conta con varios recoñecementos literarios pola miña obra poética, entre eles o Duck Fin, o María Mariño e o Xosé Manuel López Ardeiro. En decembro de 2005 publicou o seu primeiro libro individual, Adagio para unha viaxe silente, e en 2018 viu a luz Ser, corazón e boca. En 2019 saíu do prelo en Editorial Galaxia, Galicia, o país das marabillas, o seu primeiro libro de poemas para a rapazada. O compositor Fernando Vázquez Arias compuxo música para catro poemas seus: “Amor é mar”, “Corme”, “Camiño dos faros” e “Azul”. Para ela, a poesía é unha maneira de entender a vida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email