Rolda de prensa arredor de “O cabaliño de buxo”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O martes 11 de outubro, celebrarase, ás 11 h, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas, ilustrado por Belén Rodríguez Pazo.
Estarán no acto, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Enfocada á cativada, O cabaliño de buxo, ilustrada por Belén Rodríguez Pazo, está ambientada no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas. Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.
A edición desta obra contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é un dos escritores máis sobranceiros das letras galegas. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que viviu en primeira persoa na Arxentina, onde fundou Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego, xunto coa súa muller Anisia Miranda, e Cuba. A súa mestría creadora amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Entre a súa ampla produción literaria poderíanse citar: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971), Espantallo amigo (1971), O cabaliño de buxo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1981), De cando o Suso foi carteiro (1988) e Memorias dun neno labrego (1961), un dos libros máis famosos das letras galegas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email