Xa está dispoñible o primeiro capítulo de “Economía e poesía: Rimas internas”, de Yolanda Castaño

Categoría: Uncategorized, Nova

Yolanda Castaño, unha das voces referentes da literatura galega, publica, en Editorial Galaxia, o seu primeiro libro de Ensaio, Economía e poesía: Rimas internas, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2023.

A autora amosa, nesta publicación, unha gran capacidade para abrir debate arredor dun elefante na habitación: a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.

Comeza a ler o primeiro capítulo premendo aquí.

Economía e Poesía: Rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.

Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

Tras trinta anos de traxectoria e unha carreira internacional, unha das poucas figuras que experimenta o que é vivir deste xénero tira conclusións ao fío do vivido, e abre debate no que é o seu primeiro volume de ensaio.

Unha reflexión que tamén convida a unha ollada cómplice dende calquera oficio creativo ou cultural.

Comparte nas túas redes sociais ou por email