O xoves 18 de xullo, celebrarase, ás 13 h, no Pazo de San Roque, a entrega do Premio de Ensaio Camiño de Santiago a Laura Méndez Vergel por “O camiño de Santiago. Guía de guías“.
Acompañando a gañadora, estarán Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea; Marcelino Agís, membro do xurado; e Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.
Laura Méndez (Zamora, 1990), residente na capital galega dende o ano 2018, é a gañadora da segunda edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago pola súa obra O camiño de Santiago: guía de guías.
A autora, graduada en Historia da Arte na Universidade de Salamanca e cun máster en Estudios Medievais Europeos da USC, é agora contratada predoctoral FPU no Programa de Doctorado en Estudios Medievais da institución compostenala, no grupo de investigación Iacobus.
A súa tese está asentada na historia das mentalidades xa que ademais de analizar as formas, tamén trata as ideas, situando o camiño non só como un lugar físico, senón ideolóxico. A obra aséntase en catro conceptos: o individualismo, as motivacións do Camiño, o Camiño en si mesmo e a creación. Trátase dunha guía de guías, que pode funcionar como metodoloxía académica, valendo de soporte para estudar outros tempos e ideas.