Elena Corbacho, natural de Vigo, gañou esta cuarta edición da campaña de fomento da lectura promovida dende a Editorial Galaxia cun vídeo no que anima a ler As alumnas, Premio de Literatura Dramática, de Paula Carballeira. Declaráronse ademais outros dous vídeos finalistas.
No día de onte, 17 de xullo, entregáronse na sede de Editorial Galaxia, en Vigo, os premios do Reto Lector 2024, unha actividade de referencia na promoción da lectura en lingua galega destinado a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos. Para participar, a rapazada tiña que enviar un vídeo recomendando algunha das obras do catálogo de Galaxia, de xeito que alentase a outros a ler. Así, non só se favorece o sentido crítico, senón que se busca visibilizar as novas tecnoloxías como unha ferramenta de difusión da lingua e a literatura galegas entre os máis novos.
A gañadora deste ano, foi Elena Corbacho (Vigo), que recomendaba no seu vídeo As alumnas, Premio de Literatura Dramática 2023, de Paula Carballeira, e Os nenos da varíola, de María Solar; ambos libros que destacou como moi didácticos e doados de ler. Libros que se asentan no pasado e que botan luz sobre a nosa memoria colectiva. O premio, consistente nun iPad de última xeración, foille entregado por Xosé Manuel Soutullo, director xeral da Editorial Galaxia.
Ademais da gañadora, declaráronse dous vídeos finalistas cuxos autores recibiron un lote de libros de Galaxia: Efrén Balea (Vigo), que recomendaba O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, e Os nenos da varíola, de María Solar; e a recomendación dos libros de Francisco Castro que fixo Óscar Martínez Fernández (Ourense) de Xoán, Xoana, XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” 2022; e Chámademe Simbad.
Xosé Manuel Soutullo, director xeral da Editorial Galaxia, agradeceu a implicación de todas as rapazas e rapaces e remarcou algunhas das características máis orixinais dos vídeos.