Despois de estar dispoñible, dende maio, na cidade da Coruña, a exposición sobre a homenaxeada nas Letras Galegas deste ano visita a cidade olívica.
O luns 22 de xullo, celebrarase, ás 19 h, no Museo do Mar de Galicia, a inauguración da exposición Luísa Villalta. A música das palabras. Unha mostra promovida pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, comisariada por Xesús Domínguez Dono; deseño e maquetaxe de Hayat Husein; e producida por Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia).
Cómpre confirmación de asistencia no enderezo electrónico:
info.museodomar@xunta.gal
A exposición sobre Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), poeta homenaxeada na festa das Letras, repasa a traxectoria biográfica e profesional da polifacética escritora da “Cidade Alta” co fin de axudar a comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia.
O proxecto componse de 14 paneis que repasan, mediante textos divulgativos e unha ampla información visual, a súa traxectoria vital, intelectual e profesional, facendo parada especial na súa relación coa Coruña, con versos dos seus poemarios e fotografías de Xurxo Lobato.
Os paneis compleméntanse con mesas-vitrina, documentación e obxectos relacionados coa poeta, que completan a información.
Celebramos a súa palabra “con tinta de mar”.