Volve Paul Auster

Categoría: Nova

Volve Paul Auster á cita cos lectores e as lectoras. Sunset Park, a nova novela, é un libro sobre a inocencia da mocidade. Ademais de aos seus lectores de sempre, este Auster, que cita como fonte de inspiración a Emily Brontë, tamén vai atraer unha morea de novos lectores. A novela sae en galego case inmediatamente despois da súa publicación nos EUA.

Miles Heller ten vinte e oito anos, abandonou a universidade aos vinte, despediuse dos seus pais, marchou de Nova York, e xa non se volveu saber del. Agora vive en Florida e traballa para unha empresa que se encarga de baleirar as vivendas dos desafiuzados. Mais non só se dedica a carretar mobles e repintar paredes, Miles saca fotos de todas as cosas abandonadas para probar que as pantasmas desa xente seguen presentes.

En Sunset Park, Auster fainos lembrar as cousas duradeiras: o amor, a arte e esa estraña sensación que é estar vivo. O seu protagonista, Miles, vive atormentado pola culpa: sen querelo provocou a morte do seu medio irmán, unha situación que o induciu a marchar de Nova York fuxindo do pai e a madrasta. En Florida mantén unha relación cunha escolar adolescente, Pilar, mais cando a familia dela ameaza con sacar a luz o noivado, Miles decide protexer a Pilar volvendo a Brooklyn, onde comeza a vivir de ocupa mentres se prepara para a inevitable confrontación co pai, de quen leva anos escondido.

Vibrando coa mesma enerxía ca Invisible, a anterior novela de Auster, o relato de Sunset Park é tan mítico coma contemporáneo, está tan engaiolado polo béisbol coma pola literatura. E, por riba de todo, é unha historia de amor e perdón, non só entre homes e mulleres, senón tamén entre pais e fillos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email