Xa é posible percorrer algúns lugares da novela Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, premendo aquí.
O libro, galardoado co Premio Blanco Amor 2019, consegue que viaxemos a través das súas páxinas, nesta historia que ten por obxectivo contar a emigración desde a parte dos retornados. Agora, podemos visitar as localizacións en que se fundamenta, de xeito virtual.
Este é un relato emocionante e revelador, onde o autor fixo un titánico traballo de documentación e investigación sobre a historia familiar. Abeirada ao xénero de novela sen ficción, céntrase na figura da súa avoa Virtudes, unha muller forte e valente que exemplifica as dificultades e adversidades que protagonizaron tantas mulleres galegas que, coma ela, se viron na obriga de saír de Galiza á procura dun futuro mellor.
O autor, constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes do seu marco familiar. Dende o persoal, conta unha realidade colectiva que viviron tantas familias na segunda metade do século XX. Unha historia que vai medrando a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que o poden contar.
É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.