Uxía e Magín Blanco presentan este venres, día 6, ás 20h, na Feira do Libro de Compostela o libro-disco Canta o cuco, acompañados por Romina Bal e Arturo Ponte. Estes dous artistas poñen en común o seu talento para renderlle unha sentida homenaxe ao poeta lugués Manuel María, a quen se lle adica o Día das Letras 2016 cun libro-disco que permitirá que os máis cativos se acheguen dun xeito lúdico á figura de quen foi un dos nosos poetas máis senlleiros. O carro, A vaca, A cidade, O cuco… so só algún dos textos musicados por Uxía e Magín Blanco, extraídos de poemarios como As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, Todo me fala de ti, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade.



Arranxos musicais de excepción para este novo libro-disco, que corren da conta de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández -fundadores de Berrogüetto-, quen se ocupan ademais das interpretacións no acordeón e nas guitarras acústicas e percusión, respectivamente. Xunto a eles, a guitarra do propio Magín Blanco e colaboracións como as de Isaac Palacín -percusión-, Pablo Vidal -contrabaixo-, Raquel Domínguez -gaita-, Pablo Ces -bombo- ou Andrés Giráldez -tambor-.

Mención especial para a compoñente plástica dun álbum destinado a divulgar a obra de Manuel María entre nenos e nenas. As ilustracións de Canta o cuco son obra do pintor e ilustrador Leandro Lamas, quen crea un universo de cor arredor de cada un dos temas seleccionados para este libro-disco de coleccionista.

Canta o cuco supón o reencontro no plano musical de dúas das figuras máis representativas da música infantil en galego, como o son Uxía -María Fumaça, Xiqui Xoque, Fiú Fiú, Rosalía pequeniña…- e Magín Blanco -A nena e o grilo nun barquiño, a Nena e o grilo…-. Best sellers avalados pola súa extraordinaria calidade musical e polo éxito de vendas e público que veñen colleitando.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR