Unha verdade amarga, a nova novela de Celia Díaz

Categoría: Nova

Cando Daniel Pereria inicia os trámites para presentar unha demanda de paternidade contra Aurelio Salgado, a vida das dúas familias verase radicalmente trastornada. Pilar e Carlos, por un lado, Daniel e Silvia, polo outro, buscarán xustificación á súa conduta, que remite a amores e desencontros, débedas pendentes, culpas non purgadas e aldraxes amoreadas en moitos anos de silencio. Entremedias, dous rapaces, Alberte e Marta, vítimas tamén dunha guerra que non é a súa. E Aurelio, paso a paso privado de recordos, sabe que avellentar é mirar atrás e enfrontarse a un pasado onde ás veces custa recoñecerse. Ao cabo, os vellos segredos de familia sempre acaban por aflorar, porque nin o amor nin o rancor poden agocharse eternamente. Unha historia sobre a identidade e a memoria a que nos trae Celia Díaz en Unha verdade amarga.
Celia Díaz publicou o ano pasado A boca do monte, unha exitosa novela coa que viaxamos á Galicia de hai moitos séculos. Agora publica unha novela máis próxima, chea de sentimentos, de historias que nos son próximas, de episodios que poden estar no pasado de calquera familia. Para achegarvos un pouquiño máis non perdades o booktrailer desta novela!

Comparte nas túas redes sociais ou por email