Unha ‘road trip’ a través das estampas da vida e da morte

Categoría: Nova

Iria Collazo López publica, na colección Literaria Ronsel de Editorial Galaxia, unha road trip disparatada a través de estampas da vida e da morte dos seus avós.

Cunha portada ilustrada pola artista Luz Beloso, esta obra, escrita co humor e a tenrura como protagonistas, conta con nostalxia unha historia de amor imposible, onde todo o que coincide coa realidade é inventado. A autora recibiu en 2021 a I Bolsa Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia e, grazas á estadía dun mes na Writer’s House de Tbilisi, puido rematar esta historia, dedicada á memoria dos seus avós.

Este é o relato de Celeste, que, con 83 anos decicidiu fuxir, un día de abril. Cunha maleta ateigada das súas pertenzas. Esta historia tamén é sobre o can Elvis e o seu consogro, Antón, taxista xubilado, sempre acompañado polo fantasma da Vita. Este relato é o da súa viaxe.

Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.

Iria Collazo López (1981) naceu en Barro, na mesma terra onde Celeste daba en turrar pola cavadora, e desde os sete anos reside en Moaña, a carón do mesmo mar en que Antón nunca foi quen de faenar.

É profesora de Ensino Secundario e, como dicía súa avoa, “literata”, con varias obras publicadas: Coma unha áncora (2015), A soidade das medusas (2016) e A casa do paralelo 54 (2019), todas na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia. En 2020 publicou o poemario De casa queimada, gañador do segundo premio do certame Torre da Caldaloba.

Comparte nas túas redes sociais ou por email