A Academia Xacobea convoca a terceira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago.
O galardón, organizado coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o patrocinio de Aluminios Cortizo, e a colaboración de Editorial Galaxia, está dotado con 3.000 euros
O prazo para o envío dos orixinais estará aberto ata o 30 de novembro, e a obra premiada será publicada en galego e castelán pola Editorial Galaxia.
A Academia Xacobea volve fomentar a creación literaria inspirada nas peregrinacións a Compostela coa convocatoria da terceira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago. Esta iniciativa, que conta de novo coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o patrocinio da empresa Aluminios Cortizo, está dotada cun premio económico de 3.000 euros para o autor ou autora da obra gañadora, tal como recollen as bases.
“O Camiño de Santiago será o tema referencial para a ficción narrativa, que deberá estar presente, de maneira notoria na obra na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria”, recollese nunha convocatoria que está aberta a novelas en castelán ou galego, orixinais e inéditas, e tamén a relatos ou conxuntos de relatos. En calquera caso, non poderán ter unha extensión menor ás 200 páxinas.
O prazo de envío das obras estará aberto ata o próximo 30 de novembro. Un xurado composto por cinco personalidade do mundo literario, entre eles un representante da Editorial Galaxia, será o encargado de valoralas e decidir a gañadora final. O xurado tamén poderá conceder un accésit sen dotación económica. A novela premiada será publicada tanto en galego e castelán por Galaxia e o seu selo Mar Maior.
Camiño de Paixóns, de Carlos Meixide, e Cruzados polo Camiño. Conxecturas compostelás verbo dun papa atribulado, de José G. Barral Sánchez, son as obras premiadas nas dúas primeiras edicións deste certamen de novela, cuxa convocatoria a Academia Xacobea vai alternando de xeito anual seus galardóns de Poesía e Ensaio, de temática tamén xacobea.
As bases con toda a información sobre os requisitos para participar e o método de envío dos orixinais pódense consultar e descargar as BASES premendo aquí.