Publicado na colección Costa Oeste, Luz. A historia non contada de Jesse Owens e Luz Long, de Francisco Castro, conta a historia real de Luz Long, represaliado por Hitler por axudar a un competidor, negro. Unha historia de amizade, respecto e camaradería, nun tempo escuro de racismo, represión e violencia.
A través dunha escrita áxil e fresca, Castro envía ás lectoras e lectores ás Olimpíadas de Berlín de 1936. Nese tempo, un atleta negro asombrou o mundo. Jesse Owens gañou catro medallas e avergoñou o nazismo, que o consideraba inferior pola súa cor de pel, dando unha lección deportiva; pero nada do seu éxito sería posible sen un atleta alemán que xogou a vida por axudalo.
Este libro conta a historia real de Luz Long, represaliado por Hitler por axudar a un competidor, negro. O autor recupera a súa figura para contarnos unha fermosa historia que non debe ser esquecida.
Francisco Castro naceu no barrio de Teis, en Vigo, en 1966. Dirixiu Editorial Galaxia durante sete anos. Analista político na prensa galega e na CRTVG, leva publicados vinte e tres libros, algúns traducidos a linguas como o castelán, éuscaro, catalán, inglés, serbio, italiano e portugués do Brasil.
Como músico, publicou recentemente o seu primeiro disco, Agora é o tempo. Experto nos Beatles, podes seguilo en Facebook, Instagram (@franciscocastroveloso) e X (@chamademesimbad)