Unha reflexión para o novo milenio

Categoría: Nova

En palabras do seu autor (que en 2002 recibiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio por A submisión das masas), o ambicioso proxecto editorial (nove volumes) é o resultado dun longo proceso en parte de carácter colectivo, que comezou a principios dos anos 70 e chega practicamente aos nosos días, e no que Basilio Lourenço asume o discurso, mais en parte tamén compartido con persoas e institucións que durante eses anos axudaron a compoñelo.

Refírese concretamente ao CES (Centro de Estudos Sociais), que naceu arredor do movemento democrático da UDM (Unión Democrática Militar), moi relacionado coa Revolución portuguesa dos Cravos (1974), ao CIES (Círculo de Información e Estudos Sociais), que promoveu en Galicia nos anos 80 unha importante reflexión sobre o crecemento e o desenvolvemento social e económico, ao grupo Irmandade Galega e ao Colectivo Golpe Vello, creado con posterioridade… Basilio Lurenço participou activamente en todos eles.

Na presentación, que se celebrou na sede viguesa da Fundación Carlos Casares, participaron algunhas persoas que no seu día pertenceron a estes movementos de acción e pensamento: Xosé Fortes Bouzán (capitán da UDM nos anos 70), o arquitecto César Portela (membro do CIES) e o profesor e filósofo Carlos Fernández (compoñente do colectivo Golpe Vello).

Ao final do infinito é unha proposta para entender a actual crise da civilización occidental e os grandes desafíos do novo século, abordada dende un pensamento filosófico transdisciplinar, dada a implicación que o planteamento xeral do crecemento e do desenvolvemento ten en todos os ámbitos da actividade e do pensamento humanos: dende a física á acción política, dende a metamatemática á bioloxía, dende a economía ou a organización do territorio ás novas tecnoloxías da comunicación ou a enxeñería.

Comparte nas túas redes sociais ou por email