Unha obra para un país

Categoría: Nova

O vicepresidente da Fundación Penzol de Vigo, Alfonso Zulueta de Haz; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, asinaron un convenio de colaboración para, entre outras actividades, organizar unha exposición na que se mostren os fondos desta institución.Así, a Xunta e a Deputación pontevedresa achegarán fondos para a posta en marcha da iniciativa 'Unha obra para un país', que inclúe unha gran exposición sobre a institución – prevista para outubro ou novembro deste ano–, un ciclo de mesas redondas e unha publicación sobre o legado de Fermín Penzol, cualificado como "excepcional" por Alfonso Zulueta de Haz.
O vicepresidente da fundación recalcou que o acordo subscrito permite a "realización dun soño", e recordou que a sede deste organismo, na Casa Galega da Cultura da cidade olívica, acolle miles de obras, publicacións, manuscritos, carteis, documentos, obxectos e mapas relacionados coa historia de Galicia, entre eles "obras únicas no mundo e mesmo un incunable". Roberto Varela subliñou a necesidade de conservar "un dos máis importantes patrimonios bibliográficos e documentais de temática galega" e, de feito, recordou que o pasado mes de abril xa asinou un acordo coa Fundación Penzol para dixitalizar os seus fondos, a través da Fundación Cidade da Cultura.
Esta institución, creada a principios dos 60, conta con máis de 38.500 títulos de monografías impresas datadas dende o século XV, 106 libros manuscritos, un millar de diplomas en pergameo, 44 mapas históricos, 589 unidades de instalación de documentos do arquivo e máis de 2.300 títulos de publicacións periódicas dende o século XIX.

Comparte nas túas redes sociais ou por email