Unha novela que vai deixar pegada

Categoría: Nova

Coa sala chea a rebordar, presentouse na Casa das Campás, en Pontevedra, a última novela de Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, que dende que saíu ás librerías está a recibir as mellores críticas. Unha gran arquitectura. Novela coral e, ao mesmo tempo, con poderosos personaxes. Unha viaxe polas emocións e a memoria histórica. As mulleres son inesquecibles. Unha vez que a colles non a podes deixar… Foron algúns dos comentarios dos presentadores e do público.
Xosé Abilleira, en nome da asociación cultural Maio Longo, entidade organizadora do acto; Antón Riveiro Coello, novelista, Víctor F. Freixanes, novelista tamén e director de Editorial Galaxia, comentaron a obra xunto co autor, “sen descubrir o final, unha relación de confluencias que culminan nunha solución sorprendente, emocionante, que difícilmente se esquece”.
“Axiña que a novela empece a circular no boca a boca dos lectores, podes estar seguro de que o libro che vai dar moitísimas satisfaccións”, declarou Riveiro Coello, dirixíndose au autor. E logo, ao público: “Estou disposto a devolver o diñeiro a aquel que non lle guste, a aquel que non enamore e non conmova esta historia”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email