Unha mosca que non deixa de voar

Categoría: Nova

As librerías de todo o país reciben estes días a terceira edición do libro de María Solar, 'A verdadeira historia da mosca da tele'. A escritora e xornalista vén de gañar recentemente o Premio Lazarillo coa súa novela, tamén publicada en Galaxia, 'O meu pesadelo favorito'. Ambas as obras están a coñecer edicións noutras linguas, nada de estrañar dado o favor con que foron acollidas dende o primeiro momento da súa aparición entre lectores e crítica literaria.
'A verdadeira historia da mosca da tele' é xa un pequeno clásico nos centros de ensino do noso país. Os pequenos e pequenas asisten á viaxe por medio mundo dunha mosca que era feliz amolando aos presentadores e presentadoras dos programas de televisión ata que un chapeu e unha calva se presentan no seu camiño para cambialo todo para sempre.

Comparte nas túas redes sociais ou por email