Presentación da Biblioteca de Xosé Filgueira Valverde

Categoría: Nova

O Auditorio do Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra acolle este venres ás 20h, dentro dos actos de celebración do Día das Letras, a presentación da Biblioteca Filgueira Valverde, coa presenza da deputada de cultura, Isabel Vázquez Reboredo, e de Victor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia. Completará o acto unha sesión de cinefórum arredor do documental de Gonzalo E. Veloso Contextualizando a Filgueira Valverde.
A Biblioteca Filgueira Valverde nace, dentro das Bibliotecas de Autor de Editorial Galaxia, coa intención da organizar a produción literaria do autor homenaxeado no Día das Letras de 2015, nos volumes Quintana viva e O vigairo; e máis a súa inxente produción xornalística, nos nove Adrais que reocllerán o máis significativo da obra de divulgación que o prodesor Filgueira espallou nas páxinas dos xornais, principalmente en Faro de Vigo e La Voz de Galicia, auténtica miscelánea de coñecementos relacionados con Galicia, a cultura galega e a cultura universal. Deles, están xa nas librerías os dous primeiros e o terceiro chegará despois do verán. As cubertas son obras ou fragmentos de cadros e deseños de Ovidio Murguía (1971-1900), un dos pintores galegos que Filgueira admiraba.
Gonzalo E. Veloso, que ten unha longa experiencia na realización de documentais centrados en persoeiros da nosa cultura, fala en Contextualizando a Filgueira Valverde con familiares, amigos, especialistas e investigadores da vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015. A película ten un ton distentido grazas ás intervencións espontáneas dos participantes, o que non resta unha clara vontade de obxectividade, cunha montaxe que non fuxe dos espazos de diverxencia para que sexa o espectador o que compoña o personaxe, coas súas luces e coas súas sombras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email