Acabamos de recibir Illa de sangue, a nova obra de Carmen V. Valiña, autora de As tolas que non o eran e gañadora do Premio de Narrativa Breve Repsol 2025.
Abondan dez minutos para percorrer a illa, pero fan falta millóns de invernos para esquecela. En Illa de sangue, Helena chega a este territorio marcado pola dor e o silencio para escoitar as voces das mulleres que a precederon: Coral, Lucía, María, Lucrecia… Vidas atravesadas pola culpa, os soños frustrados e a imposibilidade de fuxir dun lugar que as une para sempre.
Con sensibilidade e forza, Carmen V. Valiña volve explorar a memoria e as feridas, tecendo unha historia que combina a beleza da linguaxe coa profundidade das emocións.
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos (www.perifericas.es). Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 as mulleres internas no manicomio de Conxo son as protagonistas absolutas da súa obra.
En 2024 participou na Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, que lle serviron para rematar este libro que agora tes entre mans.