UNHA HOMENAXE AO CASARES XORNALISTA

Categoría: Nova

O Casares xornalista, o escritor dos pequenos detalles e do día a día fica agora entre as páxinas de Á marxe, 1992. Obra xornalística I e Á marxe, 1993. Obra xornalística II, dous volumes dedicados a recoller os artigos publicados diariamente polo escritor no periódico La Voz de Galicia durante os anos 1992 e 1993 co título de Á Marxe, que abren unha serie que recollerá a obra xornalística completa do autor e que Galaxia ofrece aos lectores.

Poucos escritores lograron como el tal grao de precisión, talento, eficacia, orixinalidade e vontade de estilo coma o autor destas columnas, cita obrigada de miles de lectores que durante anos comezaban a xornada engaiolados no discurso intelixente dos seus textos.

Os artigos xornalísticos de Carlos Casares conforman un dietario personal onde a vida discorre coma un fluxo permanente. A obra dun escritor coma Casares merece ser considerada non como un conxunto de títulos illados, senón coma unha proposta dinámica, instalada no discurso xeral no tempo que lle tocou vivir.

Coma unha novela aberta, as columnas de Á Marxe constitúen quizais un exemplo sobranceiro desta dimensión.

Comparte nas túas redes sociais ou por email