Arantza Portabales presenta a súa novela Sobrevivindo, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2015 este mércores día 25 ás 20h na librería Cronopios de Compostela. Estará acompañada polo escritor e xornalista César Casal e polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.
Trátase dunha historia de intriga, cun ritmo áxil que se move con soltura entre diversos planos temporais, e que tece unha engaiolante trama arredor dunha non menos fascinante protagonista, a vencedora dun programa de telerrealidade. "Quero eses cen millóns de pesetas", di a protagonista da novela, "son o suficientemente lista para asegurarlles o éxito. Son intelixente, manipuladora, culta e unha verdadeira filla de puta cando mo propoño. E por se aínda non se deron conta, estou moi, pero que moi, boa."
"Ela era Val. Valentina.Tina. Era todas elas e non era ningunha." A protagonista de Sobrevivindo está formada por unha miríade de pezas que se van manifestando a través dunha traxectoria vital apaixonante. É ao lector a quen le corresponde xuntar esas pezas para, co avanzar sen pausa da historia, completar o crebacabezas dunha trama endemoñadamente engaiolante. Esa busca ha levar a coñecer os motivos e os obxectivos de Val: unha muller que loita, dende o primeiro capítulo ata a última liña do derradeiro, contra ela mesma e, sobre todo, contra o resto do mundo.