O escritor Marcos Calveiro, presentará a súa nova novela FONTÁN, Premio Repsol de Novela 2015, acompañado polo dramaturgo Rubén Ruibal e do director literario de Galaxia, Carlos Lema.
No barrio de Teis, en Vigo, presentarase esta novela biográfica de corte histórico que percorre a vida de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado -conformado por Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Santiago Lopo e Carlos Lema- escolleu o orixinal de Calveiro por se tratar dunha obra que relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos. Ademais, o xurado considera que a obra contribúe a divulgar a través da literatura o traballo de científicos e intelectuais liberais que no século XIX crearon unha idea de Galicia que influíu nas posteriores xeracións.