Unha empresa sen precedentes

Categoría: Nova

O esforzo foi moi grande e os resultados están aí. A Diciopedia do Século 21, parte do Proxecto Século 21, elaborado por Editorial Galaxia e Edicións do Cumio, está a ser recibida coma unha ferramenta fundamental para as bibliotecas familiares e as bibliotecas escolares: 45.000 biografías, topónimos e nomes propios, 850 planos e mapas, 425 debuxos e gráficos, 4.500 fotografías a color, e a maiores: o dicionario máis completo da lingua galega (80.000 entradas), actualizado coa nova normativa da Real Academia Galega.

A obra vai acompañada dunha medalla conmemorativa, deseñada para a ocasión por Isaac Díaz Pardo, na que se le: "Coñecer o mundo. Amar o mundo", e na que se reproduce a figura da deusa grega da Sabeduría.

Son tres volumes de aproximadamente 800 páxinas cada un, pensados sobre todo para as novas xeracións e para uso práctico en redaccións de medios de comunicación, dependencias da administración pública, centros de ensino, bibliotecas familiares, etc. Cada volume vai presentado na cuberta por unha figura universal que, en certa maneira, exemplifica o espírito da obra: Rosalía de Castro, Gandi e Albert Einstein.

Unha estimación inicial establece en arredor de 900.000 euros o custo de redacción, deseño e fabricación da obra.

Segundo se explica no primeiro volume (A-D, páx. 700), a palabra DICIOPEDIA é realmente un acrónimo procedente de "dicionario" e "enciclopedia": obra que amalgama nos seus contidos, por un lado un dicionario ou dicionarios lexicográficos. En portugués é unha terminoloxía xa acuñada no ámbito editorial. Dicionario de carácter enciclopédico e ferramenta accesible para o saber e o coñecemento universal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email