Na Editorial Galaxia marchamos, tamén, de vacacións ata os primeiros días de setembro e, como cada ano, queremos lembrar a importancia de 'agostear' entre palabras e libros de nós. Porque o verán é tempo, sempre, para facer as cousas que non se poden facer durante o ano ou, cando menos, aquelas á que nos gustaría dedicarlle máis tempo e, malia os esforzos e a vontade, non o conseguimos.
Daquela, é unha boa ocasión para nos achegar a todas aquelas propostas de lectura que nos quedaron atrás. Porque, no noso catálogo, tiramos nos últimos tempos moitos e moi variados títulos que servirán para satisfacer a toda clase de idades e gustos de lectura.
Así, por exemplo, o verán aparécese como unha época propicia para esa clase de lecturas que requiren unha concentración máis dedicada, como é o ensaio. Son moitos os lectores e lectoras que declaran que, fronte do tópico que indica que o verán está feito para lecturas lixeiras, prefiren a tranquilidade que dán as vacacións para se enfrontar aos ensaios e lecturas máis centradas no pensamento que a ficción. Así pois, queremos recomendar o novo libro de Xosé Luis Franco Grande, 'Outra política para outros tempos' nos que o ensaísta se enfronta a cuestións da política galega que, ao seu xuízo, aínda permañecen abertas.
Nesa mesma liña de ensaio, aínda que máis centrados na crónica e na biografía, pode resultar interesante unha achega ata a obra que conmemora os 50 anos da Fundación Penzol, 'Unha obra para un país e na que asistimos, dende moitas voces diferentes, a unha completa pluralidade de perspectivas sobre a súa persoa e o legado documental que agasallou a Vigo e Galicia.
O verán pode ser tamén un bo tempo para a lírica. Podemos achegarnos, por exemplo, ao novo poemario de Chus Pato, 'Carne de Leviatán', un texto que está a colleitar magníficas críticas dende que saiu do prelo.
No plano meramente narrativo, suxerimos unha achega a dous dos nomes importantes do noso sistema literario e en dous formatos e lonxitudes diferentes. Por unha banda, pode ser agosto un bo mes para volver os ollos sobre un texto que xa foi gorentado, e moito, por varias xeracións de galegas e galegos como é o 'A nosa cinza' de Xavier Alcalá, unha das novelas máis populares e de meirande aceptación da nosa historia da literatura. E, para os que prefiran o formato máis curto, 'A máscara de Ulises', de Xosé Carlos Caneiro, pode ser unha boa opción pois estamos diante dunha colectánea, con vocación de canónica, dos relatos do autor de Verín organizados cronoloxicamente e que poden servirnos para viaxar tamén con el ao longo do tempo e dos estilos que Caneiro foi desenvolvendo, sempre fiel ao seu xeito de entender a literatura, en todos estes anos de produción literaria.
Para os pequenos e pequenas da casa, suxerimos unha viaxe en tren da man de Clara do Roxo, que estes días ve chegar ás librerías a segunda edición do seu 'A princesiña que quería conducir unha locomotora'.
E, como non todo vai ser ler, usemos os libros tamén para deixar o padal dóce e deamos unha volta, creativa, por calquera das sobremesas que nos suxire Merchi Rodal no seu 'As lambetadas de LARPEIROS'.
Feliz verán.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR