Non existe unha situación similar ao longo da intensa xornada entre unha rúa e outra. É unha serie de oportunidades que concede a vida para manter un leve contacto con outra forma, estilo e xeito de plantexar a existencia por este malferido planeta Terra.
Cada mañá, sen interrupcións no tempo, preparamos con ilusión e sinceridade un saúdo e, se a ocasión habilita as condicións precisas, algún xesto improvisado coa faciana como ferramenta de comunicación corporal ao noso paso por un dos puntos populares de referencia no centro da Boa Vila (Da de beber a quen pasa); queda claro que o escenario mencionado situase en Pontevedra.
O número de días fríos é superior os de calor, por norma. Caprichos necesarios para o equilibrio medio ambiental, Aínda así, a estampa non falla. Forma parte da paisaxe urbana que non sería a mesma sen ese espazo ocupado por unha manta de combinados colores, un can, unha guitarra e unha vida diferente do resto dos viandantes.
Dende primeira hora, os clásicos de Bob Dylan, The Rolling Stones ou Neil Young amenizan o acelerado ritmo cidadá ao paso dun talento cultural sen descubrir, posiblemente, por falta de sorte (esta última apreciación é unha especulación construída dende o cariño).
As pezas nunca se repiten. O repertorio musical é amplo e diverso, polo que deducimos que a súa cultura pode ser extensa e salientable. Só a vontade de coñecer a unha persoa diferente a nós pode ofrecernos a confirmación desta sospeita. Pero, o noso contacto queda resumido en minutos ou fraccións de segundos, dependendo do día.
En tempos atrás, nos que estaban permitidos vicios como inhalar fume, compartíamos algún cigarro como parte do ritual do encontro de carácter diario. A maior curiosidade partía da actitude de tranquilidade e sosego do can. A pasividade do palleiro pode chegar a espertar unha intranquilidade transitoria. Durmindo cos ollos entreabertos, amosa a fidelidade prevista sen despegarse do seu dono. Parece medir os pasos, as palabras e as intencións de aqueles que traspasan os límites imaxinarios establecidos no anaco de rúa ocupado.
Mentres, un espírito, en estado de rebeldía, mira e fala coa tranquilidade infrecuente a esas horas. Sen apenas vacilacións, ollos dunha tonalidade verdosa manteñen unha mirada que so agocha unha cálida humanidade. “Bos días, amigo”, entoa cunha modulación de voz en consonancia coa harmonía das cancións que saen das profundidades dunha guitarra de cordas domadas polo tempo e uso.
Nos respondemos cun saúdo, perfectamente sincronizado a base de ensaiar con regularidade diaria. As veces as presas limitan a comunicación a un xesto coa man ou unha chiscadela de complicidade co ollo dereito, iso é todo. Se o reloxo regala a xenerosidade duns minutos extras, o intercambio de impresións marca o encontro como un dos momentos máis agarimosos do día.