Un libro de texto para o século XXI

Categoría: Nova

Nestes días, o profesorado de Galicia está a recibir o libro de texto de Lingua e Literatura Galega, un manual elaborado dende a idea de que é necesario ofrecer unha ferramenta educativa útil para profesores e alumnos que, ademais de cumprir rigorosamente cos contidos curriculares esenciais, sirva tamén para fomentar o interese e a curiosidade pola lingua nosa, pola nosa literatura, e, por extensión, que contribúa a avivar o interese polo mundo contemporáneo. O proxecto da Editorial Galaxia parte do convencemento de que a lingua galega debe ser un vehículo de recoñecemento e de descuberta da realidade, unha fiestra aberta para achegarnos ás grandes cuestións do noso tempo. A lingua entendida como un vehículo de comunicación e como unha ferramenta de coñecemento. Reflectir todo iso foi o obxectivo dos autores do libro.

Ademais dun desenvolvemento detallado dos temas de lingua e literatura, o libro complétase con toda unha batería de exercicios e actividades estimulantes, para facer deste manual un material motivador e doado de manexar.
Todas as Unidades Didácticas preséntanse, tanto nos apartados de Lingua como nos de Literatura, como se fosen un encerado, de tal maneira que, ao abrilo, o estudante atopa os coñecementos básicos do programa perfectamente estruturados.

Para reforzar a asimilación dos contidos, o equipo redactor deseñou unha ampla batería de exercicios prácticos moi dinámicos, que pretenden fomentar a creatividade e estimular a capacidade crítica do alumnado.

Sabendo que os coñecementos de lingua e de literatura son importantes, este libro de texto non pode deixar sen tratar os grandes asuntos e os grandes retos da sociedade do século XXI: os valores democráticos e de convivencia, o respecto á diversidade, a igualdade de sexos, a reafirmación da personalidade e do espírito crítico, a comprensión dos cambios e as transformacións sociais, a tolerancia, a afirmación da identidade sen renunciar á universalidade, a iniciativa emprendedora, a solidariedade, etc. Todas estas son cuestións de máximo interese e abórdanse dun xeito transversal, pero constante ao longo das lecturas, exemplos, contidos teóricos, xogos e exercicios. Neste sentido é importante destacar o apartado que pecha as distintas unidades, "Sarillos e Descubertas", onde se suxiren traballos de investigación, propostas de debate, investigacións na rede, etc., actividades coas que poderán profundar no traballado así como demostrar o talento que atesouran os estudantes de Galicia.

As unidades de literatura ofrecen ademais unha liña do tempo para explicar a evolución das nosas letras dende a súa orixe ata os nosos días, atendendo aos grandes feitos literarios galegos, universais, así como aos grandes acontecementos da historia mundial. En definitiva, unha viaxe no tempo e cara ao futuro

Comparte nas túas redes sociais ou por email