Un inicio de ano cheo de novidades

Categoría: Nova

Este vai ser un comezo de ano cheo de novidades interesantes na nosa editorial. Un 2013 que vai ter en Rosalía de Castro, e os 150 anos do seu 'Cantares Gallegos', unha protagonista destacada. Verémolo ben cedo, cando publiquemos a biografía da autora de Padrón preparada por María Xesús Lama. Canda Rosalía, o outro gran protagonista deste novo ano será Roberto Vidal Bolaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Un especialista na cuestión teatral como Camilo Franco é o encargado pola nosa editora para ocuparse dunha publicación que nos fará comprender mellor a vida e obra do homenaxeado.
Para este primeiro trimestre temos tamén previsto continuar coa publicación das columnas que asinaba en La Voz de Galicia, todos os días, quen foi director desta casa durante moitos anos, Carlos Casares, e que titulamos 'Á marxe'. O autor verá completado o labor que iniciamos en 2012 co gallo dos dez anos do seu pasamento, de revisión e homenaxe á súa obra, coa publicación dun libro sobre el da autoría de Rafael Laso e que leva por título 'Carlos Casares, o amigo das palabras'. E dun clásico como Casares pasamos a outro non menos clásico, como é Álvaro Cunqueiro, de quen tamén publicaremos os seus artigos espallados por moitas publicacións e que, neste primeiro tomo levará por título 'O mundo que teño de meu'. E sen marchar da obra do de Mondoñedo, tiraremos do prelo o libro 'A cociña dos Cunqueiro', de Elvira González Seco.
Metidos dentro da cociña, unha liña de edición na que Galaxia insiste para reivindicar tamén os produtos de noso, publicaremos unha absoluta novidade gastronómica como é 'Cociñar con algas' de Eva Crespo.
No eido estritamente literario serán moitas as novidades. Os seguidores de Xosé Carlos Caneiro verán por fin recompilados todos os seus relatos espallados durante tantos anos en diferentes lugares nun tomo único titulado 'As máscaras de Ulises'. E para o público infantil e xuvenil, sairá da imprenta un libro que foi incluído o ano pasado na prestixiosa Lista White Ravens que recoñece os mellores libros e LIX do mundo, 'O caderno de Ánxela', que asina Raquel Ricart Leal. Nas librerías atoparase co debut literario en Galaxia de Xerardo Neira con 'O capador de boinas', unha orixinal trama detectivesca e policial pensada para os máis pequenos da casa.
Velaquí unha pequena escolma de moito do que virá este ano chamado a ser, coma o pasado, fecundo e fértil en páxinas de calidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email