Fina Casalderrey, académica da RAG

Categoría: Nova

Na tarde do venres soubemos da decisión da Real Academia Galega de nomear á escritora Fina Casalderrey, membro de número da institución. A súa inclusión implica a entrada, tamén, da Literatura Infantil e Xuvenil que se produce da man dunha das nosas autoras máis sobranceiras, responsable de títulos esenciais da nosa LIX e que este ano, ademais, ensaiaba novas fórmulas narrativas con proxectos como o audiovisual 'Dúas Letras'.
Fina Casalderrey, natural de Pontevedra, ten preto de cincuenta títulos publicados e ten recibido os máis grandes recoñecementos dentro do país e tamén fóra, como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil concedido polo Ministerio de Cultura. En varias ocasións foi tamén a candidata galega ao prestixiosísimo Astrid Lindgren.
Recentemente, Fina Casalderrey publicou na nosa editorial, xunto con Eloy Varela a curtametraxe "Dúas Letras" na que se adentra a través de imaxes na historia da emigración. Outros títulos máis, todos de grande éxito, engalanan o catálogo de Galaxia.
Unha gran nova para a literatura galega, para a LIX galega, e tamén para todos os que admiramos, dende hai tantos anos, a súa obra literaria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email