Un Eduardo Blanco Amor inédito

Categoría: Nova

En coedición co Pen Clube de Galicia, Editorial Galaxia vén de publicar a obra poética de carácter amoroso, escrita en castelán por Eduardo Blanco Amor, obra profundamente marcada pola emoción dos afectos e mesmo pola pulsión erótica. Baixo o título xenérico de Ars Amandi, reúnense poemas e libros inéditos, escritos en distintas épocas, que van dende as producións adolescentes de 1914-1922, ata os últimos textos dos Poemas del Ángel (1968).

Como no seu momento sucedeu cos Sonetos del amor oscuro de Federico García Lorca (inéditos ata 1986) ou Los placeres prohibidos de Luis Cernuda (2003), o lector ten nas súas mans un Blanco-Amor diferente e, en moitos aspectos, descoñecido. A edición, maqueta, portada e deseño, presentados baixo o rubro Alén Mar, están a cargo de O. Xavier Castro e de Luis González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia e autor do limiar do libro.

Luís Pérez Rodríguez, un dos especialistas en Blanco-Amor, contextualiza os textos e presenta as producións dentro da biografía do autor de A esmorga, nun ensaio introdutorio que titula: "Poesía amatoria de Blanco-Amor, Poemas del Ángel e Amor no solpor".

Ars Amandi inclúe, ademais dos títulos mencionados, poemarios inéditos como "El camino (sonetos autobiográficos)" de 1967, "Baladas del joven y la muerte" (sen data), "Primer domingo sin ti" de 1962, "Segundo noche sin ti" datado en decembro de 1960, "Canciones del Trópico" do ano 1953, ""Primer soneto andino", quizais de 1949, "Sonetos actuales" de 1943. "Los símbolos ("sonetos subjetivos)" de 1920, "Poemas adolescentes" (con prólogo e entrega a Agustín Caballero Moy), varios "Poemas soltos" e un conxunto breve de prosas íntimas, case que a xeito de diario persoal, titulado "Bajo el pórtico", acaso de 1914.

Cada texto vai acompañado da reprodución da páxina correspondente do manuscrito ou mecanuscrito. Completa a edición, realizada con sobrecuberta e gran formato, unha escolma representativa de fotografías e documentos de distintas épocas, personaxes, relacións e lugares, dende o Ourense da infancia ata o Vigo do regreso, moi especialmente o continente americano e a cidade de Buenos Aires.

Estes textos inéditos de Eduardo Blanco-Amor forman parte do fondo documental custodiado no Arquivo da Deputación provincial de Ourense, institución que colaborou tamén na presente edición, xunto con Caixanova. Á espera da acollida da crítica e dos estudosos estamos seguros de poder ofrecer, da man do Pen Clube de Galicia e pola súa iniciativa e esforzo, un documento certamente valioso para todos os amantes da obra do autor de Auria e mais para todos os interesados na literatura española e galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email