Un bico de amor e vida

Categoría: Nova

Tralo exitoso lanzamento dos outros dous musicontos, "O prodixio dos zapatos de cristal" e "O debut de Martino Porconi", nacidos do traballo en colaboración entre Xosé A. Neira Cruz e Maximino Zumalave como director da Real Filharmonía de Galicia, chega este terceiro título no que se recrea o conto tradicional de Hans Christian Andersen, "A sereíña", coa axuda da música do coruñés Manuel Balboa e na voz da actriz María Inés Cuadrado.
Literatura e música danse a man neste musiconto ilustrado por Enjamio, de tal xeito que o lector-oínte gozará dunha experiencia estética a varios niveis: o pracer dun conto ben escrito, o pracer dun conto ben narrado, e o pracer da música, que actúa coma un soporte perfecto para toda a historia.
Neste musiconto, retomamos a historia da Sereíña pero desde unha actitude nova e aberta á reflexión sobre o amor e o coidado da natureza. No contexto do desastre ecolóxico, mariñeiro e serea amaranse baixo da esperanza de recuperar o mar e a vida. Xosé A. Neira Cruz ofrécenos unha revisión literaria que, bebendo na fonte do conto tradicional, fai que viaxe cara territorios novos, líricos e tamén reflexivos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email