Canto pode aguantar un corpo?
Cada verso de Cuspindo miserias, de Neves Rodríguez, é un berro que dá voz ás dores mudas. Este poemario, publicado na colección Dombate de Editorial Galaxia, anda un carreiro escuro, visceral, sucio. Un percorrido para ceibarmos do que nos abafa, pero que deglutimos por medo. Ou por vergoña.
Poemas descarnados e crus. Poesía en coiros. Pensamentos feridos en lostregadas que queiman os ollos. Cervexa na vaixela chinesa da túa avoa.
Unha lectura imprescindible que xa está en todas as librarías.
NEVES RODRÍGUEZ, naceu en Donostia e fíxose a lume manso en Galicia. Quixo ser arqueóloga e rematou sendo comunicadora e actriz, agochada nas trincheiras da cultura. Gusta de non facer nada e de tentar facelo todo, e aínda segue a traballar niso. Levou premios, tamén hostias e, como vai perdendo a pouca vergonza que ten, agora tamén escribe. Poemas.
E non bebe Pepermint.