O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa maléfica influencia.
Tanxarina ofrécenos nesta montaxe teatral un espectáculo para lembrar, dirixido aos centros de ensino.
Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito humor co que a rapazada rirá ás gargalladas.
A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.
Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen as súas forzas para levar ao escenario un divertido espectáculo de marionetas protagonizado por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega.
Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario no ano 2025. Un agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o pracer da lectura e os soños e as experiencias que nacen dela.
Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis de corenta anos de traxectoria artística. Combinan a manipulación de bonecos co traballo actoral, música e animacións diversas. Contan historias con “retranca” para público infantil e familiar. Para facer rir e facer pensar. Contan con seis premios de teatro María Casares, en distintas categorías, por varios dos seus espectáculos e participaron en festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica.
Carlos Labraña é un recoñecido autor de teatro infantil. Dentro da súa traxectoria, pódense salientar: O valo, sobre o drama dos refuxiados; Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, comedia ácida sobre a crise económica (Premio de Teatro na Gala do Libro, 2017), Contra o reloxo, que fala do tempo e da perda (Premio Martín Sarmiento, 2023), Mambrú volveu da guerra (Premio SGAE 2022), texto para a recuperación da memoria histórica democrática, e a súa máis recente publicación, Ícaras (Premio O Facho 2022), sobre o drama social dos desafiuzamentos.
Duración: 50 minutos