Acto de inauguración da exposición “Castelao. De ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza”

Categoría: Nova

O venres 15 de novembro, ás 12:30 h, a Fundación Penzol inaugurará a exposición conmemorativa dos oitenta anos da publicación de Sempre en Galiza e da constitución do Consello de Galiza.

Instalada no vestíbulo da súa sede, na Casa Galega da Cultura de Vigo, consta de paneis informativos e materiais bibliográficos e documentais pertencentes aos fondos da Fundación Penzol.

O acto contará coa participación do comisario da mostra, Henrique Monteagudo, director da Cátedra Castelao da USC e padroeiro da Fundación Penzol; Ana Laura Iglesias, concelleira de Igualdade e Comercio do Concello de Vigo, e Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol.

En marzo de 1944 viña a lume en Buenos Aires o libro Sempre en Galiza, de Alfonso Daniel R. Castelao. En novembro do mesmo ano fundábase na mesma cidade o Consello de Galiza, unha sorte de Goberno galego no exilio presidido polo propio Castelao. A publicación de Sempre en Galiza foi un prólogo á fundación do Consello de Galiza.

Sempre en Galiza foi unha referencia obrigada do galeguismo ata a actualidade; considerada unha das obras máis significativas da cultura galega. É un alegado a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galicia e do seu autogoberno. Tamén é un testamento da xeración de Castelao, a das Irmandades da Fala e o Partido Galeguista.

A mostra, de carácter divulgativo, presenta, en catro paneis, o proceso de redacción do libro, que recolle textos que o autor comezou a elaborar en 1934. Ademais, en tres mesas-vitrina amósase unha selección de diferentes edicións de Sempre en Galiza, incluída a primeira, publicada en Buenos Aires en 1944, así como documentación relacionada co Consello de Galiza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email