Editorial Galaxia pecha o ano de Luísa Villalta con dúas publicacións que xa están no prelo:
Narrativa inédita, en edición de Daniel Chapela, e Poesía inédita e dispersa, en edición de Pilar Pallarés e Miguel Mato.
A proposta editorial para as Letras Galegas 2024 constou de libros como o volume Narrativa reunida, que recolle a obra narrativa que publicou en vida. Está conformado polo libro de relatos Silencio, ensaiamos (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo. Tamén pola novela Teoría de xogos (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva. E finalmente a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. Un libro de forte carga simbólica arredor da nosa identidade.
Libro das colunas, unha recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña onde se recolle a obra xornalística publicada por Luísa Villalta no semanario A Nosa Terra entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 marzo de 2004, tan só dous días antes da súa tráxica perda.
Son artigos de variadas temáticas, mais en todos eles están presentes as liñas de forza que percorren toda a súa obra dende o compromiso coa lingua e a cultura galega, a militancia cidadá, a denuncia social e a loita contra a indulxencia e a conivencia co poder establecido.
Formas breves de pensamento, en edición de Luciano Rodríguez, unha publicación enriquecida coas ilustracións de Alfonso Costa e Carolina Rouco; compila textos do seu legado literario, maiormente inéditos, sedúcenos na distancia curta e íntima da brevidade e a precisión.
Publicamos unha edición especial do poemario En concreto, con limiar de Estíbaliz Espinosa e fotografías de Xurxo Lobato acompañando os versos da homenaxeada. Este poemario é un exemplo de como a autora muda a perspectiva poética, a través dun traballo profundamente persoal, que xoga con diferentes fórmulas expresivas para amosar os paisaxes externos que forman parte da vida da autora. Unha fermosa homenaxe á súa querida Coruña.
En edición de Henrique Rabuñal, publicamos o Teatro completo, un teatro que evoluciona desde o simbolismo e expresionismo a textos onde o feminismo, e tamén a ollada crítica sobre a sociedade, están moi presentes e seguen a ser actuais.
Estas obras, resultan fulcrais na construción da personalidade intelectual e creativa de Luisa Villalta e unha mostra do seu compromiso coa escrita e a sociedade que lle tocou vivir, onde como ela dixo, “as palabras son enerxía contra o tempo é o único depósito fiábel para a esperanza”.
Estas publicacións completan a nosa proposta editorial arredor das Letras Galegas deste ano xunto con Pensar é escuro, en edición de Armando Requeixo, recupera os catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: “Música reservada” (1991), “Ruído” (1995), “Rota ao interior do ollo” (1995) e “En concreto” (2004); xa chegou á súa 3ª edición; e O outro lado da música, a poesía, en edición de Requeixo, neste volume, que xa acadou a súa 2ª edición, achegámonos á Luísa poeta, pero tamén á especialista en música, que asumía que ambas as artes bebían a unha da outra.
A Real Academia Galega celebra do 19 ao 21 de novembro de 2024 o Simposio Luísa Villalta. O programa dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2024 desenvolverase na Fundación Barrié (Cantón Grande, 9 – A Coruña) en horario de tarde. Ademais de relatorios e mesas redondas, incluirá unha actuación musical de Uxía e o espectáculo Indóciles.