Tres meses da colección Feminismos

Categoría: Nova

A colección Feminismos da Editorial Galaxia comezou a andar a finais de novembro do ano pasado co desembarco nas mesas de novidades das librarías galegas de tres títulos clave: Feminicidio, unha nova orde pariarcal en tempos de submisión, de Carme Adán; ám@me, pensar o amor no século XXI, de Chis Oliveira e Amada Traba; e Chámame señora, pero trátame coma un señor, de Inma López Silva. Os dous últimos publícanse coa colaboración da secretaría xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Tres títulos que dan conta da diversidade de visións que quere reflectir o plural do titulo da colección.

Dende o seu lanzamento, a colección está a ter unha fantástica acollida por parte das lectoras e lectores: Feminicido vai xa pola súa terceira edición, mentres que Chámame señora, pero trátame coma un señor e ám@me, aparecían encabezando a listaxe dos mais vendidos que recolle cada fin de semana Faro de Vigo, e contan xa cunha segunda edición nas librarías.

Todas as semanas organízanse coloquios e presentacións dos libros en diferentes municipios das catro provincias galegas, nas que as autoras falan do seu libro acompañadas de expertas en materia de igualdade, coeducación e acción contra a violencia machista, e onde o contido dos libros traspasa o marco teórico do papel e se suma ao movemento feminista que aboga por novas formas de actuación para construir unha estructura social que cuestiona e rexeita o sistema patriarcal actual.

Comparte nas túas redes sociais ou por email