Máis de corenta membros de seis xurados diferentes decidiron o pasado sábado 6 de maio de 2006 no Hotel Mondariz de Mondariz Balneario os galardóns da XXIX dos Premios da Crítica de Galicia nas modalidades de creación literaria, investigación, ensaio e pensamento, música, ciencias e artes da representación e iniciativas culturais.
No primeiro destes apartados resultou gañador o escritor ferrolano Xavier Alcalá, pola súa novela Nas catacumbas, segundo volume da triloxía Evanxélica memoria que edita Galaxia. O xurado recoñeceu a "súa tensión e desenvolvementos narrativos", así como o feito de "estar inserida dentro dun proxecto de enorme relevancia para o noso sistema literario".
A mención especial foi para Manuel Outeiriño e o seu poemario É, "pola súa lucidez e emoción e a súa capacidade de abrir novos modos expresivos con humor e transgresión para a poesía galega"
A obra A palabra das fillas de Eva de Teresa Moure foi distinguida no eido de ensaio e pensamento "pola súa orixinal estrutura que intercalando textos analíticos e literarios ofrece unha innovación comunicativa e mesmo da linguaxe que resulta moi interesante nunha obra xa de seu ben escrita". Tamén se valorou o carácter provocador, mesmo subersivo.
Teresa Moure está dobremente de noraboa, tamén o pasado 6 de maio de 2006, foi galardonada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega cos premios anuais ao mellor libro publicado no 2005, e que nesta edición concederon en cinco categorías, correspondentes aos xéneros de narrativa, teatro, poesía, ensaio e tradución. Teresa Moure obtivo o galardón na categoría de narrativa pola obra que publicou con Xerais www.xerais.es Herba Moura.