Todos somos pequenos

Categoría: Opinión
Haberá que falar dos autores pequenos, menores, os inconclusos. Non sempre atoparon rima para o verso e con frecuencia perderon o combate da prosa, pero aí seguiron, incesantes, loitadores. Os libros que escribiron amorean po na biblioteca da súa vila natal ou dormen a dignísima eternidade do faiado. Non obtiveron o recoñecemento do premio remunerado nin a gabanza do suplemento de cultura do xornal local. Morreron moito antes de que o pobo (sempre inculto e soberano) proclamase a república anarquista de Internet, polo que non chegaron a sentir o estraño pracer de procurar o propio nome nos labirintos do espazo virtual. Algúns atoparon, sempre de xeito póstumo, a simpatía dun concello ou dunha asociación de veciños, e recibiron unha homenaxe á que se cadra asistiron media ducia de netos aburridos. Os máis afortunados tiveron a honra de que alguén lles dedicase unha memoria de licenciatura, mesmo unha cita a pé de páxina nunha tese de doutoramento. Por iso agora, cando xa nada importa e murcharon as flores naturais, cómpre que falemos deles, que repitamos con agarimo filial os seus hendecasílabos mal medidos, os contos de final previsible.
Ao cabo, todos nós somos tamén pequenos, menores, inconclusos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email