A tradución sobre todos das obras clásicas, constitúe unha das principais materias pendentes da literatura galega, segundo puxo de manifesto o director de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes. De Romeo e Xulieta a Crime e castigo, pasando por As ondas ou os mellores poetas de Inglaterra e Francia, as referencias máis indiscutibles da historia da literatura topan ao fin cunha porta de entrada ás nosas letras. Como proba da súa vocación normalizadora do sistema editorial galego, Galaxia presentou o día 24 de febreiro de 2005 na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago os volumes inaugurais da colección "Clásicos Universais".
A editorial que dirixe Víctor Freixanes quere reunir aquí, traducidas para o galego, as obras fundamentais da tradición literaria occiddental, os grandes autores e a súa pegada, os textos que máis influencia exerceron e seguen a exercer sobre os escritores de hoxe.
A posta en marcha desta colección coincide ademais coa estrea da anuciada biblioteca Shakespeare que acapara os dous primeiros volumes da colección: Romeo e Xulieta/Rei Lear e Noite de reis/A tempestade, traducidas ao galego polo profesor Miguel Pérez Romero.
Crime e Castigo, Un médico de aldea, Narracións Completas I, As ondas, Antoloxía do Doce Estilo Novo e Poesía Inglesa e Francesa son o resto dos títulos que dan apertura a esta colección.