Para o libro 'Cociñando ao pé da letra', o escritor Xabier P. Docampo preparou un Peixe Sapo en prebe de abelás e viño albariño. Deixámosvos a receita aquí.

Ingredientes para catro persoas:
5 peixes sapo pequenos, pero tampouco moito (sen cabeza)
2 ovos de galiña
Fariña de trigo
½ quilo de abelás
½ litro de viño albariño
2 dentes de allo algo grandes
Aceite de oliva
Pirixel (un pocillo do café del ben picado)
Sal
15 patacas pequeneiras

Bailemos nós xa todas tres, ai amigas,
só aquestas abelaneiras frolidas;
e quen for belida, como nós belidas,
se amigo amar,
só aquestas abelaneiras frolidas verrá bailar.
Xoán Airas
Lavados os rapes, que virán da peixaría pelados, córtanse en dúas partes compensadas, enxúganse cun pano e sálganse. Rebózanse na fariña e no ovo batido e dóuranse ben nunha tixola grande con aceite quente. Cando están dourados retíranse e colócanse con xeito nunha fonte de forno onde haberán ficar até que lles toque ir ao forno.
Ponse ao lume un caciño con pouco máis dunha cullerada de aceite de oliva no que se botarán, desde frío, os dous dentes de allo, aos que previamente se lle deu un bo golpe para que abran ben, pero sen esmagalos. Retíranse antes que se douren (pode comelos o cociñeiro ou botalos ao lixo, ao gusto del e dos que se lle acheguen). A continuación bótanse no aceite, que estará quente, as abelás descascadas e moídas ben finas (pódese facer cunha picadora ou cun muíño do café ben limpiño). Déixese que se vaian facendo un pouco as abelás remexendo cunha culler de pau e bótase pouco máis da metade do viño albariño (a outra metade ponse nun vaso para ir bebendo o cociñeiro, porque na altura xa ten que estar despachado o ¼ de litro que quedara na botella). Reméxese ben e déixase ao lume até que comece a ferver. Daquela báixase a intensidade do lume e vaise botando o ovo que sobrou do rebozo (se non sobrou nada algo vai mal e hai que bater outro oviño). Vértese amodiño e con xeito ao tempo que se remexe seguido (esta é unha receita de moito remexer coma os trámites xudiciais) para que o ovo non calle (se callase entón hai que tirar con todo e volver empezar), e bótaselle a metade do pirixel moi, moi picadiño e unha pisquiña de sal. Déixase facer o prebe a lume manso. Hai que controlar ben que non se vaia a mesto de máis, se tal ocorrese hai que botar man dun fumé feito previamente coas cabezas do peixe sapo, e botarlle unha miaxiña. Como é raro que isto faga falla, e se un non ten conciencia nin corazón, pode botarlle un chisco de auga quente para rarealo.
Cando xa están os convidados a entrar pola porta, saudanse cun ollo posto no pucheiro do prebe e dicindo: "convidábavos a un vaso de albariño, pero agora mesmo se acabou a botella", préndese o forno para que queza a uns 175-200 ºC.
É o momento de poñer a cocer as patacas, que haberán de seren quince que teñan o tamaño dun ovo pequeno. Peladas o máis redondiñas posíbel e enteiras, e atendendo ben á auga que se pon para o cocedoiro: se é moita enchoupan e se é pouca non cocen ben, así que sentidiño.
Cando o forno está quente bótase o prebe por enriba do peixe, coidando que vaia ben repartidiño e métese a fonte dentro. Aí haberá permanecer uns vinte minutos coidando que non seque en exceso por riba, para o que, se é necesario, vaise botando prebe do fondo por enriba. Pero sen andar a abrir o forno cada pouco, que entra corrente e o peixe sapo gusta de estar ao quentiño.
Cando os comensais xa deron conta dos entrantes, retírase a fonte do forno e lévase á mesa, onde hai un case nada que se puxeron as patacas nunha fonte, enteiras, ben escorridas e adornadas co pirixel que se gardou para o caso. Ponse no medio e medio, lucindo na súa integridade, porque non se emprata, senón que cadaquén servirase aquel anaco ao que lle ten botado o ollo, mentres di con pouca sinceridade: "sírvete, sírvete ti".
Observarase que na receita para catro persoas, o reparto congruente e abundante é de un peixe sapo e tres patacas por cabeza. Iso é para que sobren un peixe sapo e tres patacas, cousa inescusábel nas casas de abundancia coma a miña.
Xabier P. DoCampo

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR