Show must go on

Categoría: Opinión

A estas alturas da película falar de crise resulta dun cansazo tremendo. A economía conquistou todos aqueles apartados da vida diaria que ata hai non tanto eran tan automáticos como respirar, chegou Lehman Brothers e redefiniuno todo, bancarizou a nosa existencia dun modo tal que calquera unidade mínima da conversa de ascensor pode pasarse pola peneira da macroeconomía:

– vaia tempo eh!

– si, mágoa que non chova nada

– claro, pero xa se sabe… cos recortes nos servizos meteorolóxicos…

Acostumo imaxinar a crise como unha prenda de roupa, un vello abrigo que só ten nos petos un par de pesadas pedras de granito vulgar. Sen sabelo todos o vestimos e notamos o seu peso sobre os ombros, a literatura tamén. Pero as nosas letras xogan cunha vantaxe que non sempre se ten en conta: dende o ocaso da luz da perdida arca da lírica trobadoresca, o noso código literario construíuse sobre a crise como argumento, case diría como valor engadido. Dende o rexurdimento, a ‘febleza histórica’ da nosa literatura é a maior razón da súa resistencia, demostrando decote unha imaxinación e ansia de crear vías de supervivencia propias da guerrilla.

Hoxe os tempos son difíciles, moito, polo que é o momento de ser fieis ao espírito valente que mantivo esta aventura de creación no noso idioma. As claves han ser as mesmas que hai douscentos anos: compromiso, innovación e afouteza. Miñas señoras e meus señores, o espectáculo debe continuar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email