Temos unha Area na casa
Temos unha Area na casa. Araceli di que é a que lle deu nome a este conto e por iso me pide unhas liñas. A ela non podo negarlle nada así que aló van. "Area fai seis" é un conto para nenos… que debería ser de obrigada lectura para os pais. Unha sentada para que estes pensen no que se converteron as festas de aniversario semella necesaria.
Nós vémonos reflectidos nos pais de Area. A nosa filla, Area Lu, tamén se ve nela. Supoño que, a base de insistir, acabou aceptando o feito de ter que quedar sen festa de cumpre "no das bólas". A nai repítelle que terá unha festa no xardín da casa c@s amig@s e parécelle ben. Os nenos son así. Aínda que pensemos que non, enténdeno todo. E asúmeno. As máis das veces somos os pais os que decidimos o que lles apetece aos nosos fillos, e así nos vai.
O texto de Araceli, e as ilustracións de María Noel Toledo, casan ás mil marabillas nunha fermosa historia que entretén os pequenos e debería de facer pensar aos adultos. A fin de contas o que os nosos fervellos necesitan é do noso cariño. Ese é o mellor dos agasallos.