Adoptando unha estratexia expositiva de adecuación formal e de contido ao público mozo, o autor de Comedia bífida vai refutando algúns dos máis graves estereotipos galegófobos actuantes na nosa sociedade, facendo valer a súa experiencia de campo (anos de charlas, debates e actividades de normalización en colexios e institutos) á hora de desenvolver o seu argumentario. Desde a maqueta (deseño atraente; fotografías, debuxos e esquemas a cor…) ata o xeito de se dirixir ao lector, pasando polo estilo de redacción (secuencias pregunta-resposta; mingua de citas bibliográficas; abundancia e claridade nos exemplos), todo está pensado para impugnar a marea de xuízos erróneos, simplificacións e ideas de poderosa inercia (p. 11) que ameazan o uso do galego entre a xente nova. Con todo, nin as formas nin os destinatarios escollidos, moitas veces parcial ou redondamente ausentes na pescuda sociolingüística galega, conseguen ocultar a competencia do autor. Tanta, polo menos, como para arriscarse a armar unha alegación antinegacionista para a mocidade e saír ben.