Semana de intensa actividade literaria na Arxentina

Categoría: Nova

A intensa actividade desenvolvida pola expedición de Editorial Galaxia na Feira Internacional do Libro de Bos Aires chega ao longo dos próximos días ao seu fin e faino cunha morea de actos.

Hoxe martes, día 3, Xavier Alcalá, Xavier Queipo e Xosé María Saiz Pena (Antón Vialle) participan na xornada "Traducir os clásicos: De Ulises a La Isla del tesoro" na que exporán, entre outras experiencias, a existosa tradución do Ulises de Joyce ao galego, gañadora do Premio Nacional de Tradución de España.

Mañá mércores, día 4, Xavier Alcalá presentará a edición para Arxentina da súa novela HUINCA LOO, publicada por Mar Maior. Será ás 20h30 (hora local) na Sala Haroldo Conti-Pabellón Amarelo e estará acompañado por María Rosa Lojo e Carlos Brandeiro.

O xoves, día 5, será Xavier Queipo quen presente a súa última novela, "Os Kowa", Premio Eduardo Blanco Amor, 2015. Será ás 20h (hora local), no stand da Feira do Libro, e estará acompañado por Xavier Alcalá.

O venres, día 6, serán os Oviravai os que presenten o seu libro disco, As andanzas de Paio, en Bos Aires. Será ás 19h30 (hora local) no Teatro Valle Inclán do Centro Galicia cun concerto que fará as delicias de grandes e pequenos.

Ao longo de toda a semana, ademais, Benigno Campos e falará da gastronomía do noso país nos principais espazos da cultura galega de Bos Aires: o mércores 4, ás 20h, na Sociedad Parroquial de Vedra Mutualidad y Cultura; o xoves 5, ás 17h, en Ribadumia Casa Gallega de Cultura; o venres 6, ás 20h30, na Sala Leopoldo Lugones da Feira, acompañado de Nelly Espiño, Carlos Brandeiro e Xavier Alcalá; e o sábado 7, ás 20h, no Centro Lalín, A Golada e Silleda.

Comparte nas túas redes sociais ou por email