A escritora galesa Sarah Waters recolle esta tarde en Compostela o Premio Novela Europea Casino de Santiago 2008, pola súa obra 'A rolda nocturna', que vén de ser publicada por Galaxia coa colaboración da Concellería de Cultura do concello compostelano. A novela desenvólvese no Londres da posguerra, logo de que a cidade sufrira os bombardeos dos avións alemáns, e conta os acontecementos e os sentimentos que van unir os destinos de catro mozos que intentan superar a memoria das privacións e os sufrimentos padecidos.
Aproveitando que Sarah Waters ven recoller o premio, unhas horas antes protagonizará un encontro aberto cos lectores que queiran acudir á presentación da novela en galego, traducida por Laura Almazán. A novela aparece dentro da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, que naceu a partires da segunda edición do premio e coa colaboración continuada do Concello compostelán, como unha aposta polo diálogo cultural. Ademais de 'A rolda nocturna' nesta colección temos publicado a autores esenciais da nosa literatura contemporánea como o Nobel Orhan Pamuk.
Este galardón xa foi recibido antes por prestixiosos autores como Ian McEwan por 'Expiación', Anna Gavalda con 'Xuntos e máis nada', Kazuo Ishiguro con 'Non me deixes nunca' ou Zadie Smith, que gañou con 'Da beleza'.