Salvador García Bodaño e Miguel Anxo Fernández, Premios da Cultura Galega 2012

Categoría: Nova

O poeta Salvador García Bodaño e o narrador e crítico de cine Miguel Anxo Fernández son dous dos sete recoñecidos onte polo xurado dos Premios da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2012, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, determinou na reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu labor nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.
Os gañadores da edición 2012 foron Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na modalidade das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galego en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual.
A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do noso capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensán Xosé Cid.
Na categoría de premio Cultura Galega das Letras o galardón recaeu en Salvador García Bodaño, a quen se lle recoñeceu unha calidade literaria que o sitúa como un dos máis destacados poetas vivos da xeración dos 50, ademais da súa activa participación en diversas iniciativas culturais. Por outra banda, na categoría de Creación Audiovisual, o galardón recaeu este ano en Miguel Anxo Fernández, crítico audiovisual, escritor e autor de numerosas publicacións de temática cinematográfica. Na súa ampla traxectoria vinculada ao audiovisual, foi impulsor de numerosas iniciativas destinadas á promoción do cine galego.
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, presidiu o xurado da edición 2012 dos premios, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; Francisco Díaz Fierros, en representación do Consello da Cultura Galega; Xosé Henrique Coas González e Goretti Sanmartín Rei, en representación das universidades de Vigo e da Coruña, respectivamente; e Ramón Yzquierdo Perrín, en representación da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
Completaron o xurado catro persoas de prestixio no ámbito cultural como son o escritor Luís González Tosar, o artista plástico Antón Pulido, a cineasta e produtora Fernanda del Nido e o editor e escritor Henrique Alvarellos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email