Despois do éxito de participación do noso anterior concurso en twitter arredor de 'O Principiño' botamos a andar un novo concurso na rede de microblogging, desta volta, para conmemorar os 150 anos de 'Cantares Gallegos' de Rosalía de Castro que celebramos neste 2013.
Como na vez anterior, todos os tuiteiros están convidados a enviar os seus chíos no hastag #rosaliasempreporque completando o chío e explicando porque a súa obra sempre estará con nós, ou por que é tan importante para nós.
O gañador do concurso, o chío que máis nos guste, recibirá un exemplar dos libros de Rosalía de Castro, 'Follas Novas', 'Cantares Gallegos', así como o 'Murguía' de Xosé Ramón Barreiro Fernández, o 'Rosalía de Castro' de Claude Henri Poullain, o 'Rosalía' de Ramón Otero Pedrayo así como o Grial 194 que dedicamos á nosa poeta nacional.
Empezamos a recibir os vosos chíos. O gañador ou gañadora, o 15 de maio.