Rolda de prensa de presentación dos 1º Foros Grial

Categoría: Nova

O martes 29 de outubro celebrarase, ás 12:30 h, na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, a presentación dos 1º Foros Grial.

No evento participarán as coordinadoras Marilar Aleixandre e Llerena Perozo Porteiro; Henrique Monteagudo, coordinador dos Foros e director da revista Grial, e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

FOROS GRIAL

GALICIA 2050

As revistas son tamén institucións culturais que desempeñan unha función relevante na dinamización dos modos de pensar e de actuar dos países. A dilatada existencia de Grial, que a Editorial Galaxia edita desde 1963 —o pasado 2023 celebramos o seu sesenta aniversario— representou un sensible avance na cultura galega en canto contribuíu a estruturar a andamiaxe do sistema cultural de Galicia.

Grial tivo, desde o seu inicio, cinco grandes obxectivos, aínda hoxe vixentes: 1. Ser vehículo responsable da actividade cultural galega. 2. Ser vehículo de incorporación a Galicia da cultura universal, en especial a europea. 3. Facer presente fóra de Galicia a cultura galega. 4. Contribuír ao prestixio cultural da lingua galega, tanto dentro como fóra de Galicia. 5. Incorporar a mocidade á defensa da cultura galega.

En 2025 celebraremos o 75 aniversario de Editorial Galaxia. A revista, atenta ao seu relevante papel na elaboración do discurso intelectual da editorial, abre o programa de actividades desa celebración coa organización dos “Foros Grial. Galicia 2050”, catro escenarios de reflexión e debate que terán lugar entre novembro de 2024 e outubro de 2025, co obxectivo ofrecer prospeccións, ideas e propostas, adiantando tendencias de futuro nunha serie de ámbitos chave da sociedade e a cultura, situándoas en Galicia na data simbólica de 2050.

Cada foro contará cunha temática específica, mais procurando ter en conta as interconexións entre as distintas problemáticas e atendendo, dentro do posible, a transversalidades en aspectos como a cultura, artes e identidades; sociedade, economía e territorio; coñecemento científico e o seu impacto social; comunicación e desafíos dos novos tempos, entre outras.

Os relatorios e as conversas publicaranse nos números da revista correspondentes aos catro trimestres de 2025.

Dirección e coordinación: Henrique Monteagudo

Coa colaboración do Consello de redacción da revista: Xosé Manuel Dasilva, Xesús Domínguez Dono, Agar Ledo, María López Sández, Marcos Lorenzo, Grial Parga, Xosé Luís Pastoriza e Llerena Perozo.

PROGRAMA

1. Culturas, artes, identidades

Museo de Pontevedra, 7 novembro de 2024

Coordinadoras: Agar Ledo / María López Sández

  1. Culturas. A vocación dos estupefacientes. Sete teses sobre a relación entre imaxinación, cultura, memoria e esperanza na Galiza actual: Germán Labrador
  2. Artes. Futuro sen pasado? Futuros perentorios e pasados inacabados: Manuel Olveira. Futuro sen pasado? Futuros perentorios e pasados inacabados
  3. Identidades. Existe a comunidade? : Relatoras/conversa: Lourdes Méndez / Carme Adán

 

2. Sociedade, economía e territorio

Coordinadores: Ramón Villares / Xoaquín Fernández Leiceaga

Santiago de Compostela. Abril – 2025

  1. Presentación: Ramón Villares
  2. Pensar historicamente o futuro de Galicia: Ramón Villares
  3. A demografía galega. Unha análise prospectiva: Antía Pérez Caramés
  4. As perspectivas económicas dos nosos netos: Xaquín Fernández Leiceaga / Edelmiro López Iglesias
  5. Que facer co territorio en Galicia?: Luciano Alfaya
  6. Conclusións: Xaquín Fernández Leiceaga

 

3. Impacto social da ciencia e dos avances tecnolóxicos. Debates arredor do coñecemento científico e das súas consecuencias

Lugo. Xuño – 2025

Coordinadoras: Marilar Aleixandre / Sonia Villapol

  1. Presentación: Marilar Aleixandre / Sonia Villapol
  2. Estratexias fronte ao quecemento global. Xan López Saborido
  3.   O desenvolvemento das enerxías renovables. José Manuel Andrad.
  4. A investigación biomédica ao servizo da saúde. Ángel Carracedo
  5. Saúde e medio ambiente. Sonia Villapol
  6. Debate e conclusións

4. Comunicación. desafíos para os novos tempos

Vigo. Outubro – 2025

Coordinadores: Víctor F. Freixanes / Llerena Perozo

  1. Introdución. A globalización. Unha realidade do noso tempo: Llerena Perozo / Víctor F. Freixanes
  2. Oportunidades e desafíos para a cultura e a lingua galega: Manuel Gago
  3. A comunicación e as novas tecnoloxías na construción das sociedades contemporáneas: Silvia Vázquez Lorenzo
  4. Os medios galegos no ámbito dixital: María Yáñez
  5. Problemas quea resolver no horizonte das novas tecnoloxías: Alberto Quiñan Pampín / Marcos S. Pérez
  6. Debate e conclusións

Coordinadoras/es das seccións:

Agar Ledo Arias é historiadora da arte e técnica de procesos de investigación no Museo de Pontevedra. Foi comisaria e asesora de adquisicións no Departamento de Coleccións do Museo Reina Sofía.

María López Sández é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola USC, da que é profesora na área de Didáctica da Lingua e a Literatura da Facultade de Ciencias da Educación e Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007. É académica da RAG.

Ramón Villares Paz é catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia e reitor desta Universidade, así como presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018). É académico da RAG.

Xoaquín Fernández Leiceaga, economista e político, é doutor en Ciencias Económicas pola USC e profesor titular da área de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais desta Universidade.

Marilar Aleixandre. Doutora en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e escritora, foi catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais na USC e Premio Nacional de Narrativa 2022. É académica da RAG.

Sonia Villapol Salgado é neurocientífica. Desempeña o seu traballo no Texas Medical Center de Houston (EUA), ademais de ser a investigadora principal e profesora do Centro de Neurorrexeneración no Instituto de Investigación do Hospital Methodist.

Víctor Fernández Freixanes é escritor, editor, xornalista e profesor ad honorem do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, onde se doutorou en Filoloxía Románica. É presidente da RAG.

Llerena Perozo Porteiro é licenciada en Filoloxía Inglesa pola USC. Activista ecofeminista, a súa traxectoria profesional inscríbese nos eidos da cultura, do medio ambiente e da igualdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email