Rolda de prensa arredor de “A agonía das folerpas”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O luns 17 de outubro, celebrarase, ás 11 h, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de A agonía das folerpas, Premio de Galicia Rural 2022, de Óscar Reboiras Loureiro.
Acompañando o autor, estarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, José Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A agonía das folerpas, Premio de novela Galicia Rural 2022, está ambientada na aldea de Salgueira, unha localización que leva décadas abandonada.

A súa propietaria, a Xunta de Galicia, decide convertela nun complexo turístico. En pleno Parque Natural do Xurés, e afastada de todo, é o enclave ideal para descansar. Ou para que un asasino en serie enterre as súas vítimas. A través da intriga e a acción, Reboiras pon en valor o rural nesta obra protagonizada por tres seres solitarios que buscan, cada un ao seu xeito, evadirse dunha existencia baleira. Tres persoas que non semellan encaixar e que, non obstante, acaban formando equipo co obxectivo de descubrir que esconden as mortes de Salgueiro.
Óscar Reboiras Loureiro (Rianxo, 1979) estudou xornalismo en Santiago de Compostela. Dende entón traballa no mundo do márketing dixital. Un bo día decide que é o momento de escribir outro tipo de textos. Por iso se apunta a un taller de escritura, do que sae o libro colectivo Liñas compartidas (2019). Ese mesmo ano publica O cronista imposible. Wenceslao Fernández Flórez. A agonía das folerpas é a súa primeira novela, coa que gañou o II Premio de Novela da Galicia Rural. Tamén gañou o Certame de Microrrelatos de Vilalba (2022), o 3º premio de narrativa do Certame Literario de Ames (2021 e 2022) e o certame literario “Contos arrepiantes para tremer ao carón da lareira” (2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email