Hoxe celebrouse, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de A agonía das folerpas, Premio de Galicia Rural 2022, de Óscar Reboiras Loureiro.
Acompañando o autor, estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, José Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A agonía das folerpas, de Óscar Reboiras Loureiro, gañadora do Premio de Novela Galicia Rural 2022, é unha novela de intriga que nos sitúa na aldea de Salgueiro, no Parque Natural do Xurés, un lugar abandonado desde hai décadas que se converte no lugar idóneo para descansar. Ou para que un asasino en serie enterre as súas vítimas. Coa chegada dunha xornalista noviña ao lugar, o que comeza como un achado arqueolóxico muda nun suceso que revoluciona a actualidade informativa.